Wednesday 24 de April de 2024

Mirás clausura os cursos que formaron a 50 profesionais do Camiño Inglés na implantación de plans de continxencia fronte á Covid-19


O alumnado recibiu un diploma que certifica a súa formación en riscos e medidas de prevención fronte á Covid-19, tal e como esixe a Inspección de traballo.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, clausurou na noite de onte martes o terceiro e derradeiro curso de formación para coñecer e poder implantar os plans de continxencia fronte á pandemia da Covid-19, celebrados durante os últimos sete días no Pazo de Mariñán (Bergondo).
“Queremos que o Camiño Inglés sexa máis coñecido e conte cunha afluencia notable de peregrinos. Non tantos como o Francés, que está moi masificado, pero si queremos que sexa un Camiño seguro e atractivo. E para iso é moi importante a formación que acabades de recibir”, indicou.
Ao acto de clausura do curso e entrega de diplomas asistiron tamén a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, e o deputado provincial responsable de Economía, Facenda e Réxime Interior, Antonio Leira. Cristina García puxo en valor a formación adquirida polos máis de 50 profesionais da hostalería, aloxamentos e albergues desta ruta xacobea, así como para o persoal con competencias no Camiño ou en Turismo nos 16 municipios adheridos á Asociación que participaron nestes cursos formativos, impartidos pola empresa Intectoma SL.
Formación certificada
Deste xeito, os diplomas entregados onte en Mariñán certifican que o alumnado está formado en riscos e medidas de prevención da Covid-19, obrigatorio para poder cumprir co especificado polo criterio técnico da Inspección de Traballo e polo procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS- CoV-2 do Ministerio de Sanidade. Así, as persoas asistentes coñeceron as medidas xenéricas de seguridade a tomar por calquera establecemento tales coma o distanciamento, a limpeza e desinfección das instalacións, o uso de equipos de protección individual ou a utilización de medidores de CO 2 e filtros HEPA. Así mesmo, aprenderon a aplicar os protocolos específicos e plans de continxencia elaborados especificamente para albergues, hoteis, pensións, guías turísticos e oficinas de turismo.
Manuel Mirás agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña na organización do que foi unha das varias accións formativa que organiza a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. “Temos que aproveitar estes tempos da pandemia para formarnos pero tamén para prepararnos para o futuro, porque todo isto acabará algún día e temos que ser conscientes de que estar ao pé do Camiño Inglés é un valor engadido e unha oportunidade de negocio moi importante”, apuntou o presidente da Asociación. Neste sentido enmárcase o proxecto para a creación dunha rede de establecementos hostaleiros emprazados ao pé do Camiño no que está traballando a Asociación e que na súa fase inicial está aberta á participación de 32 establecementos, mantendo o equilibrio territorial de dous por municipio. A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está integrada polos municipios de A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.